Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar
BENVIDA AOS PROFESIONAIS XERONTÓLOGOS
Tes diante túa unha plataforma web mediante a que nos podemos comunicar e coñecer uns dos outros nas actividades que desenvolvemos nos diferentes centros de atención a persoas maiores.
Nela poderás atopar seccións nas que se recollan as intervencións comunitarias que se estean levando a cabo e mesmo as que xa se fixeron. Poderás atopar e compartir materiais de traballo para a actividade diaria coas persoas maiores; revisar a regulamentación e normativa de interese; saber da actividade dos grupos de traballo que estean funcionando; coñecer da nosa repercusión nos medios de comunicación por mor da actividade desenvolta.
Tamén contarás cun apartado para a formación continua como profesional xerontólogo e mesmo un de axuda para a xestión dos centros.
Somos moita a xente que diariamente traballamos para o benestar das persoas maiores dependentes. Unhas de xeito directo e outras indirecto máis, co mesmo denominador común: facéndoo o mellor que sabemos e recoñecendo que nos queda moito por aprender.
A proposta que dende o Departamento de Xerontoloxía se lanza é: “e se o facemos xuntos?”